A programación do segundo trimestre do ano abrangue espectáculos e obradoiros para público de todas as idades.

Os días 7 e 8 de abril o Local Hipócrita acollerá tres funcións da obra “O souto dos prodixios” da compañía Producións Dispersas, un espectáculo participativo, dirixido a público infantil, que explora o mundo máxico que se agocha debaixo de calquera castiñeiro. Como complemento ó espectáculo organízase un obradoiro teatralizado sobre “Natureza e ecoloxía”, que terá lugar a continuación das dúas primeiras funcións e no que poderán participar cativos maiores de 5 anos.

O día 28 de abril será a compañía Hipócrita Teatro quen se suba ó escenario para facer un espectáculo radiofónico que se emitirá en directo en Openradio.es.

A programación continuará no mes de maio coa presenza da compañía El Retrete de Dorian Gray, que realizará tres funcións da peza “Retrete Cabarete”,  unha comedia de teatro con obxectos que leva percorrido máis de dez países. Trátase dun espectáculo dirixido a público adulto e infantil (a partir de 6 anos).  As funcións serán os día 19 e 20 de maio e irán precedidas dun obradoiro de manipulación “Dando vida a un globo” impartido polos membros da compañía.

Teatro de Marionetas Trécola pechará a programación trimestral con dúas funcións, os días 2 e 3 de xuño, da obra “O agasallo de Anya”,  unha peza baseada no conto orixinal de Sabela Núñez Singala que se representa con marionetas de distintas técnicas de manexo nunha escenografía en continuo cambio, dirixida a público familiar.