«Historias pequenas de xente que non lle importa a ninguén» é un novo espectáculo do Grupo de Teatro da Biblioteca de Antas de Ulla e chega ó Local Hipócrita o sábado 20  ás 19h, dentro do Ciclo Táboas Cheas de Emoción da Deputación Provincial.

Trátase dunha peza dirixida por Ana Carreira que reúne varias escenas independentes protagonizadas por personaxes anónimos que atravesan momentos de dificultade: unha mendiga que reclama, unha moza que pide traballo, un neno que atopa unha estrela, unha moza con ollo de cristal, unha moza que come o presente de orquídeas que lle regalan, un barbeiro que axuda a desaparecer, un domador que perde o seu león, un robot que non entende aos humanos e un asasino asasinado.

As entradas son de balde ata completar a capacidade e poden collerse no propio local dende unha hora antes da función.