Etiqueta: monólogos lugo

En xaneiro, Narración Oral! Reserva a túa entrada para o día 23

Comezamos o ano con forza e ilusión, co ánimo de seguir alimentando a alma e a mente a base de consumir cultura, pero iso si, con todas as medidas anti-Covid recomendadas, porque ambas cousas son posibles e necesarias.

A Programación Cultural de Nadal da Deputación provincial ofrécenos a oportunidade de gozar de dous espectáculos de Narración Oral para público xuvenil e adulto no Local Hipócrita. As entradas serán de balde e cómpre reservalas nos enlaces indicados.

QUERO RESERVAR ENTRADA para «Costureiras»

O día 23, ´sabado, ás 19:00h  Ángeles Goás e Felipe Díaz (Caxoto) de TARABELA CREATIVA, levarannos de viaxe ó mundo das “Costureiras”, e alí,  puntada e puntada, coserán un espectáculo a partires de retais de vida. Un diálogo entre dous narradores da palabra contada e o público onde os contos se preguntan e responden a si mesmos.

O día 8, venres, ás 21:00h, entramos da man de BÁTEGA no «Mundo de Martiña», unha nena moi curiosa que se cuestiona todo aquilo que non entende. A través dun monólogo musicado e entretecido con cancións e diálogos, escrito e dirixido por Raquel López Cendán, vimos a Martiña medrar. Vímola afrontar a regra, a paixón adolescente, a autoridade paterna ou o duro  mundo laboral. Vímola sortear obstáculos e sacar conclusións.

No escenario,  Pedro Insua e Raquel López Cendán. Na técnica, José Antonio Salvador.

SONY DSC

 

 

Actuación de Vero Rilo, DATA ADIADA ATA NOVO AVISO

A mal tempo, boa faciana… por iso mesmo esta foto de VERO RILO, a quen non poderemos desfrutar mañá pero de seguro que, non tardando moito, poderemos recibir no noso Local.

Facendo nosas as súas verbas: «Escoitarémonos pel a pel, mirándonos aos ollos, cando os tempos deixen!»

 

Este venres, día 13, «Arrolando as frores» con Vero Rilo!

Continúa a programación cultural do mes de marzo, «En feminino«, no Local Hipócrita.

Desta volta será da man e da voz de Vero Rilo, narradora oral, que presentará o seu espectáculo «Arrolando as frores» o venres, día 13, ás 21h.

En “Arrolando as frores” Vero Rilo fala do amor, da dor, do humor… e das mulleres das nosas vidas.

…“Cando lle preguntaron na escola cantos irmáns eran ela dixo que cinco irmáns, dous alborotos e un geranio”. Queres saber como continúa a historia?

Reserva a túa entrada (5€) en: hipocritateatro@gmail.com

 

As mulleres, protagonistas do mes do teatro no Local Hipócrita

A programación cultural do Local Hipócrita do mes de marzo, no que se celebran o Día Mundial do Teatro e o Día Internacional da Muller, estará protagonizada por mulleres.

A compañía lucense Ubú Teatro, promovida por Ana Carreira, actriz, narradora e dramaturga, presentará a obra “O vixilante do soños”, unha peza para público familiar na que comparte escena con Marga Portomeñe, actriz e artista plástica. As funcións terán lugar o sábado (día 7) ás 18:30h e o domingo (día 8) ás 12:30h.

O venres 13, ás 21h, haberá unha sesión de narración oral para público adulto, titulada “Arrolando as frores”, da man e da voz de Vero Rilo, narradora e docente.

O día 27, tamén as 21h, Alma Selene, cantante soprano, actriz, e escritora afincada en Lugo, presentará “Quereres” un espectáculo musical, teatral e poético que homenaxea a Federico García Lorca, no que conta co acompañamento do músico lucense David Taboada.

13 de decembro: «Memorias dun ser humano disperso», un espectáculo cómico musical.

O 13 de decembro ás 21h o Local Hipócrita acollerá un espectáculo cómico musical de Producións Dispersas dirixido por José Campanari. “Memorias dun ser humano disperso (versión 7.0)” é un cabaré absurdo no que Diego Freire dá vida a un personaxe desubicado, disfuncional e un pouquiño esquizofrénico, que devece por escapar dun mundo que non comprende e no que non é comprendido a un lugar moi lonxano onde todo será diferente. Existirá tal paraíso?

FICHA ARTÍSTICA:

Foto: Áureo Gómez

Autor: Diego Freire

Dirección: José Campanari

Escenografía: Daniel D. Calet

Vestiario: Daniel D. Calet

Deseño de Son:  Diego Freire

Música: Ramón Feáns «Chiri»

Que di a crítica do espectáculo?

Afonso Becerra: «No palco, desde a proximidade apenas rota por unha curta liña de candilexas, Diego  Freire brinca coa esquizofrenia da actualidade nun monólogo ao que asoman o showman de cabaré, o clown triste, o perdedor, o bufón que lle canta as corenta á sociedade submisa, o tolo e o soñador»

Fernando Llorente:  «Diego Freire desenvolve un traballo no que un aparente estatismo corporal está cargado dunha riqueza de matices xestuais. O espectáculo presenta unha sutil unidade, un fío argumental, trenzado coas repeticións obsesivas, de palabra e xesto. A dirección de  José Campanari harmoniza o traballo do actor cunhas músicas amables e cunhas luces, nas que os fulgores altérnanse ou conviven coas sombras. Como na vida mesma.»

Xa podedes reservar as entradas (8€) no correo-e: hipocritateatro@gmail.com

FRAGMENTOS DA PEZA
https://www.youtube.com/watch?v=iI6sCODwCPM

 

O 15 de marzo descubriremos, con Carmen Conde, por que «somos fillas do tabú»

Carmen Conde presenta o seu novo espectáculo “Tabú” na Sala Hipócrita o 15 de marzo, un show de narración oral con música ó vivo interpretada por Laura LaMontagne que dará comezo ás 21h.

 “Tabú” é froito das conversas mantidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude.

Foto: Neves Seara

“Tabú” nace para transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade (a máis cruel e a máis desexada) das mulleres que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o que somos agora nós: fillas do Tabú. Un tendal para poñer ó clareo todas as intimidades.

As entradas, que teñen un prezo de 8€, poden reservarse enviando un correo-e a: hipocritateatro@gmail.com.

Aquí está a nosa programación para o 1º trimestre do ano!

Abrimos a programación cultural do ano o día 27 de xaneiro, domingo, a cargo da compañía  Marionetas Trécola que representará a obra “Tolitates”. para público familiar.

Continuamos o día 9 de febreiro coa 5º edición do “San Teatrín”, un show humorístico e transgresor co que cada ano celebramos por estas datas o amor ó teatro.

Carmen Conde con Laura Lamontagne estarán no Local Hipócrita o día 15 de marzo con “Tabú”, un show de narración oral con música en vivo.

O día 24 de marzo o Local acollerá unha nova sesión matinal para público familiar, esta vez a cargo de Fran Rei con seu espectáculo “O conto de Barrigaverde”.

O 3 de marzo, máis teatro coa compañía Verdeveras!

Desalmad@s, unha comedia tráxica da compañía compostelá Verdeveras, pecha a programación de inverno no Local Hipócrita. Será o 3 de marzo ás 20h.

María Ángeles Iglesias dá vida, no escenario, a unha muller que despois de anos e anos traballando pola autosuficiencia, descobre que precisa unha alma xemelga. Satisfacer este desexo parece, en principio, algo sinxelo pero a situación complicarase cada vez máis se esa alma xemelga non aparece. O diálogo constante coa súa propia alma (¿?) descóbrenos unha personaxe densa e desdobrada que para atopar ese “algo superior” non escatima en recursos: animais, homes, mulleres, nenos.. Un anuncio no xornal que lle dará a ilusión dun amor e esta soidade que nos esta matando…

Dramaturxia e interpretación: María Angeles Iglesias

Música orixinal: Tato López

Deseño do movemento: Xus Raindo

Direción: Carlos Neira

Estrea: Salón Teatro (Compostela)