Categoría: Uncategorized

“Anacos”, de Carlos Rebolo, este sábado, 2 de abril, ás 20h no Local Hipócrita

O actor e narrador lucense Carlos Rebolo presentará mañá, sábado, “Anacos” no noso local.

Historias escoitadas, vividas ou simplemente construídas no imaxinario do cotiá son as que poderá escoitar o público que se achegue este sábado ás 20h á R/ Doutor Gasalla 18.

“Anacos” é un espectáculo unipersoal de narración oral co que Carlos Rebolo se estrea no “contar de viva voz” da man do seu mestre José Campanari.

As entradas poden adquirirse no propio local dende unha hora antes da función ó prezo de 8€.

O sábado, 20 de novembro,»Historias pequenas…» co Grupo de Teatro da Biblioteca de Antas

«Historias pequenas de xente que non lle importa a ninguén» é un novo espectáculo do Grupo de Teatro da Biblioteca de Antas de Ulla e chega ó Local Hipócrita o sábado 20  ás 19h, dentro do Ciclo Táboas Cheas de Emoción da Deputación Provincial.

Trátase dunha peza dirixida por Ana Carreira que reúne varias escenas independentes protagonizadas por personaxes anónimos que atravesan momentos de dificultade: unha mendiga que reclama, unha moza que pide traballo, un neno que atopa unha estrela, unha moza con ollo de cristal, unha moza que come o presente de orquídeas que lle regalan, un barbeiro que axuda a desaparecer, un domador que perde o seu león, un robot que non entende aos humanos e un asasino asasinado.

As entradas son de balde ata completar a capacidade e poden collerse no propio local dende unha hora antes da función.

 

As funcións adiadas de Atrezo e Hipócrita Teatro serán o 2 e 3 de outubro.

O sábado, 2 de outubro, ás 19h terá lugar a actuación do grupo Atrezo Teatro. A compañía viguesa traerá a Lugo outras pezas do seu repertorio para substituír a obra «Que familia!», que tivo que ser cancelada o pasado sábado por problemas persoais dun membro do elenco. Atrezo poñerá en escea tres pezas breves, dirixidas por Chelo Pampillón,  protagonizadas por mulleres na procura dun futuro mellor ou na loita por deixar atrás o pasado.

RESERVAR ENTRADA PARA ATREZO TEATRO

 

O domingo, 3 de outubro, á mesma hora, será Hipócrita Teatro quen suba o seu escenario para a estrea da súa nova obra «Casting», que tamén tivo que ser adiada por problemas de saúde dunha das actrices.  «Casting» é unha parodia dos estereotipos femininos no cine de Hollywood, dirixida por Elea López e protagonizada por María García, Marta Arias e Natalia Fernandez, con Juan Rivas no papel de productor e ós mandos da técnica.

 

RESERVAR ENTRADA PARA HIPÓCRITA TEATRO

Estas son as dúas últimas funcións do Circuíto Galego de Teatro Amador 2021, promovido pola FEGATEA, que se celebran no Local Hipócrita.

RESERVA ENTRADA PARA O CIRCUÍTO AMADOR (do 18 ó 26 de setembro)

A piques de rematar o verán, volve a programación cultural ó Local Hipócrita con 4 funcións para público adulto do Circuíto Galego de Teatro Amador 2021 promovido pola FEGATEA co apoio da Consellería de Cultura.

Trátase de 4 pezas de teatro para público adulto que exploran códigos e xéneros ben distintos, dende o drama á parodia pasando pola comedia. Todas as funcións terán lugar ás 19h e o prezo da entrada é de 3€.

O grupo pontevedrés Porta Aberta abrirá o Circuíto coa obra GET BACK, unha peza de teatro contemporáneo da autoría de Diego Ameixeiras, o sábado 18 . En Get Back veremos como unha parada temporal do metro pode converterse nunha viaxe ao pasado das personaxes. Unha mirada no seu interior a situacións que desexan cambiar pero non o conseguían. Unha obra tremendamente actual para entreterse, escoitar, desfrutar e recoñecerse nunha das cinco vidas que se atopan no mesmo vagón da vida.

RESERVAR ENTRADA PARA GET BACK

 

Axóuxere Teatro, de Oleiros, porá en escena a peza «Facendo as partixas» o domingo 19 . Nos anos 80, dúas irmás reencóntranse despois de vinte anos para repartir a herdanza. A pesares das diferenzas, os remorsos e as pantasmas, descubrirán que teñen mais cousas en común das que crían.

RESERVAR ENTRADA PARA FACENDO AS PARTIXAS

 

 

 

 

O grupo Atrezo, de O Porriño, presentará o sábado 25 Que familia! Unha peza escrita e dirixida por Chelo Pampillón que aborda o papel dos maiores na familia e plantéxanos un dilema moral: «hai xente que resulta prescindible na sociedade na que vivimos?»

 A FUNCIÓN DE ATREZO TIVO QUE ADIARSE por cuestións persoais dun membro do elenco. ANUNCIARASE NOVA DATA

 A FUNCIÓN DE HIPÓCRITA TEATRO ADÍASE por problemas de saúde dunha das actrices. ANUNCIARASE NOVA DATA

Hipócrita Teatro pechará o Circuíto  coa estrea da obra Casting, unha parodia dos estereotipos femininos no cine de Hollywood

 

As mulleres, protagonistas do mes do teatro no Local Hipócrita

A programación cultural do Local Hipócrita do mes de marzo, no que se celebran o Día Mundial do Teatro e o Día Internacional da Muller, estará protagonizada por mulleres.

A compañía lucense Ubú Teatro, promovida por Ana Carreira, actriz, narradora e dramaturga, presentará a obra “O vixilante do soños”, unha peza para público familiar na que comparte escena con Marga Portomeñe, actriz e artista plástica. As funcións terán lugar o sábado (día 7) ás 18:30h e o domingo (día 8) ás 12:30h.

O venres 13, ás 21h, haberá unha sesión de narración oral para público adulto, titulada “Arrolando as frores”, da man e da voz de Vero Rilo, narradora e docente.

O día 27, tamén as 21h, Alma Selene, cantante soprano, actriz, e escritora afincada en Lugo, presentará “Quereres” un espectáculo musical, teatral e poético que homenaxea a Federico García Lorca, no que conta co acompañamento do músico lucense David Taboada.

13 de decembro: «Memorias dun ser humano disperso», un espectáculo cómico musical.

O 13 de decembro ás 21h o Local Hipócrita acollerá un espectáculo cómico musical de Producións Dispersas dirixido por José Campanari. “Memorias dun ser humano disperso (versión 7.0)” é un cabaré absurdo no que Diego Freire dá vida a un personaxe desubicado, disfuncional e un pouquiño esquizofrénico, que devece por escapar dun mundo que non comprende e no que non é comprendido a un lugar moi lonxano onde todo será diferente. Existirá tal paraíso?

FICHA ARTÍSTICA:

Foto: Áureo Gómez

Autor: Diego Freire

Dirección: José Campanari

Escenografía: Daniel D. Calet

Vestiario: Daniel D. Calet

Deseño de Son:  Diego Freire

Música: Ramón Feáns «Chiri»

Que di a crítica do espectáculo?

Afonso Becerra: «No palco, desde a proximidade apenas rota por unha curta liña de candilexas, Diego  Freire brinca coa esquizofrenia da actualidade nun monólogo ao que asoman o showman de cabaré, o clown triste, o perdedor, o bufón que lle canta as corenta á sociedade submisa, o tolo e o soñador»

Fernando Llorente:  «Diego Freire desenvolve un traballo no que un aparente estatismo corporal está cargado dunha riqueza de matices xestuais. O espectáculo presenta unha sutil unidade, un fío argumental, trenzado coas repeticións obsesivas, de palabra e xesto. A dirección de  José Campanari harmoniza o traballo do actor cunhas músicas amables e cunhas luces, nas que os fulgores altérnanse ou conviven coas sombras. Como na vida mesma.»

Xa podedes reservar as entradas (8€) no correo-e: hipocritateatro@gmail.com

FRAGMENTOS DA PEZA
https://www.youtube.com/watch?v=iI6sCODwCPM

 

V Encontro de Artes Escénicas

O Local Hipócrita acolleu este sábado, día 22, ás 20h V Encontro de Artes Escénicas. 

Este ano o Encontro contou coas actuacións de Swing Jazz  Lugo, da monologuista Carmen Conde e da artista circense Ana Balmaceda, que xunto con varios actores e actrices de Hipócrita deron forma a un espectáculo de humor que xirou arredor das “pantasmas do pasado e do presente”.

Durante o Encontro  fíxose entrega dos Hipopremios 2018.

Esta actividade conta co apoio da Deputación Provincial de Lugo

 

Ítaca Teatro presenta «Cinco minutos sen respirar» con aforo completo

Este venres, día 21,  ás 20:30h, a nova compañía lucense, Ítaca Teatro, puxo en escena “Cinco minutos sen respirar” no Local Hipócrita (R/ Doutor Gasalla 18), con aforo completo.

Foto de Juan Rivas

Elea López e Carlos Rebolo, baixo a dirección de Carlos Neira, póñense nesta obra na pel de Margarita, unha empregada de banca, e Víctor, un supervisor de supermercado, dous personaxes que albergan medos e anhelos a partes iguais. Trátase dunha proposta contemporánea que apela ás emocións e busca que sexa cada espectador quen constrúa a súa propia versión do que acontece en escena.

Sinopse

Nunha tenda por departamentos un empregado e unha clienta atópanse na sección de libros. El está a piques de rematar o seu día de traballo, ela está buscando unha escusa para non chegar á casa. Pero os dous, a esa hora e nese día, teñen unha certeza común: o desexo de que non os atopen.

O equipo artístico da peza está formado por Gustavo Ott (autor), Carlos Neira (dirección), Rubén Pérez Pombo (tradución e adaptación), Juan Rivas (iluminación, fotografía e son), David Alonso Garzón (música orixinal e espazo sonoro), Diego Valeiras (escenografía, vestiario e atrezzo), Rosalía Fernández Rial (voz en off), La Cosa Gráfica (deseño gráfico) e Elea López de Carlos Rebolo (elenco).