Categoría: programación infantil

Unha peza para público familiar pecha a programación Hipócrita deste ano

«María Balteira, a bailadora primeira» , unha peza de teatro danza para público familiar de Xamón Produción, pecha a programación do Escenario Hipócrita deste ano. A función terá lugar o sábado 17 ás 18:ooh

Montse Rivera e Xabier Iglesias achegan o baile tradicional ás crianzas e ás súas familias cunha obra de teatro, música e danza ambientada no Medievo, da autoría e dirección de Lola Saltatore.
O Rei Sabio vive no Bosque das Artes, onde cultiva a música, a poesía e o teatro; pero algo non vai ben: Nunha parte do seu bosque as plantas e as árbores non medran como deberían. Pedro Amigo é mestre de música, e María Balteira a súa alumna, pero María soña con bailar. Un día cóntalle os seus soños a Pedro, este fica abraiado co xeito de bailar de María e pídelle que lle ensine a bailar. A fama da bailadora María Balteira chega a oídos do Rei Sabio que lle escribe unha carta pedíndolle axuda para que o seu Bosque das Artes medre florido e fermoso.

Esta función forma parte do Circuíto de Teatro Profesional da Área de Cultura da Deputación Provincial e a entrada será de balde ata completar aforo.

 

Señor López pecha a programación cultural deste ano o sábado 18

O sábado 18, ás 19h, o Escenario Hipócrita acollerá a última función do 2021.  A compañía Señor López Producións Teatrais  porá en escena A viaxe do Señor López, un espectáculo para público familiar cheo de sorpresas e guiños optimistas, para rematar o ano cun sorriso.

Rubén Pérez Pombo protagoniza o espectáculo e dá vida ó Sr. López, un adulto triste e solitario que emprende unha viaxe que o cambia todo, mesmo a súa maneria de vivir.

A función forma parte do Circuíto de Teatro Profesional 2021 organizado pola Deputación Provincial de Lugo.

A ENTRADA  é de balde e cóllese no local dende 1h antes da función. Tamén pode reservarse enviando un correo a hipocritateatro@gmail.com indicando nome e un número de tlfno.

.Para saber máis:

O señor López é unha persoa solitaria, triste e gris. Un día calquera acontécelle unha desas cousas solitarias, tristes e grises tan característica do mundo dos adultos e a partir dese momento todo cambia. Monta unha compañía de teatro. Aprende a contar chistes. Fala idiomas inventados. Viaxa nunha balsa por un mundo cheo de cores e alegría. O señor López convértese nun paxaroinuit. Producións Señor López estréase con esta montaxe que achegará un sorriso ao público familiar.

Proposta artística: Rubén Pérez Pombo.

Vídeo: Javier Padilla.

Produción e deseño: Elena Centelles.

Técnico de son: Brian Rodríguez

Estrea en Lugo de “O vixilante dos soños” de Ubú Teatro, os días 7 e 8 de marzo

A compañía lucense Ubú Teatro, promovida pola narradora, actriz e dramaturga Ana Carreira, presenta a súa última montaxe “O vixilante dos soños” no Local Hipócrita.

Están programadas dúas funcións, para o día 7 (sábado) ás 18:30h e o día 8 (domingo) ás 12

“O vixilante dos soños” é a versión teatral do libro de narrativa infantil do mesmo nome, escrito por Ana Carreira e ilustrado por Noemí López, publicado pola editorial Galaxia. Unha peza enfocada ó público familiar que trata temas como o valor do diferente e a importancia de sentirse arroupados polo entorno máis próximo. O protagonista, Sonolicus, deberá enfrontarse á propia certeza de ser diferente sen renunciar ó logro dos seus obxectivos.

Ana Carreira e Marga Portomeñe defenden en escena esta proposta teatral, dirixida por José Campanari, coa que veñen de percorrer varias localidades galega.

O custe da entrada é 5€ e xa se pode reservar en hipocritateatro@gmail.com

As mulleres, protagonistas do mes do teatro no Local Hipócrita

A programación cultural do Local Hipócrita do mes de marzo, no que se celebran o Día Mundial do Teatro e o Día Internacional da Muller, estará protagonizada por mulleres.

A compañía lucense Ubú Teatro, promovida por Ana Carreira, actriz, narradora e dramaturga, presentará a obra “O vixilante do soños”, unha peza para público familiar na que comparte escena con Marga Portomeñe, actriz e artista plástica. As funcións terán lugar o sábado (día 7) ás 18:30h e o domingo (día 8) ás 12:30h.

O venres 13, ás 21h, haberá unha sesión de narración oral para público adulto, titulada “Arrolando as frores”, da man e da voz de Vero Rilo, narradora e docente.

O día 27, tamén as 21h, Alma Selene, cantante soprano, actriz, e escritora afincada en Lugo, presentará “Quereres” un espectáculo musical, teatral e poético que homenaxea a Federico García Lorca, no que conta co acompañamento do músico lucense David Taboada.

Pre – ESTREA MUNDIAL!!! PÍNCONÚS os días 16 e 17!!!

Tal como vos adiantamos hai algún tempo, os días de 16 e 17 deste mes o Local Hipócrita acollerá a Pre –ESTREA MUNDIAL!!  de “PÍNCONÚS”.

PÍNCONÚS”, da compañía do mesmo nome, promovida por Carlos Coira, é unha comedia musical para toda a familia.

Un día calquera, unha estación de tren, tres persoas que queren viaxar, unha taquilleira que vén e vai… Estación de orixe: Aquimesmo. Destino: Pínconús, ese lugar ó que todos queren ir pero moi poucos de atreven. Unha espera de absurdos encontros e desencontros mentres o tren está por chegar”.

Foto: La Cosa Gráfica

Ana Carreira, Carlos Coira, Carlos Rebolo e Marga Portomeñe forman o elenco. O texto e a dirección corren a cargo de José Campanari e a música de Piti Sanz.

Podedes reservar xa as vosas entradas (ó prezo de 5€) enviando un correo a:  hipocritateatro@gmail.com. Non olvidedes especificar a que función das 3 programadas queredes asistir:

1º Pre-ESTREA MUNDIAL!!: sábado 16 ás 18h

2º Pre-ESTREA MUNDIAL!!: domingo 17 ás 12:30h

3º Pre-ESTREA MUNDIAL!! domingo 17 ás 18h

Se queredes viaxar a Pínconús, agardámovos no andén da estación!  (R/ Doutor Gasalla 18 baixo dereita)

No outono regresa o teatro ó Local Hipócrita!

Despois dunha pausa veraniega, Hipócrita retoma a programación cultural no seu Local da R/ Doutor Gasalla 18.

O sábado 28 de setembro ás 20:00h o Grupo de Teatro Lucho Hospital Xeral Calde abrirá a programación outonal coa obra “O achado do castro”, unha adaptación da comedia de Manuel Nuñez Singala dirixida por Carlos Rebolo. As entradas xa están á venda  e poden reservarse no correo-e da asociación (hipocritateatro@gmail.com). Esta función forma parte do Proxecto de teatro amador Buxiganga da Deputación Provincial.

 

Os días 16 e 17 de novembro serán os tamén lucenses “Pínconús”, compañía promovida por Carlos Coira, os que suban ó escenario para a estrea da peza homónima (Pínconús). Trátase dunha comedia musical familiar protagonizada por Ana Carreira, Carlos Coira, Marga Portomeñe e Carlos Rebolo, con música de Piti Sanz e texto e dirección de José Campanari.

 

O 23 de novembro Rebuldeira Teatro porá en escena “Delicadas”, unha obra de Alfredo Sanzol inspirada nas vivencias de mulleres que viviron a Guerra Civil e a postguerra. Esta función tamén forma parte do Proxecto Buxiganga.

 

Xa no mes de decembro, o venres 13, o Local Hipócrita acollerá “Memorias dun ser humano disperso”, de Producións Dispersas, un espectáculo cómico musical no que Diego Freire dá vida a un personaxe desubicado, disfuncional e un pouquiño esquizofrénico.

Cal é a mellor maneira de rematar a Semana do Libro cos máis cativos?

Vindo este domingo (28 de abril) ás  12:30h á Sala Hipócrita! 

Alí estarán Carlos Coira, un lector curioso e un pouco pesado,   e o señor Basilio, un amable e sabio bibliotecario. Ambos xogarán coas palabras, coas historias e cos libros que chegan á biblioteca do señor Basilio. Hai libros de ficción, de divulgación, con debuxos… ; cos do señor Basilio  Carlos pode soñar, xogar, aprender…

«Basilicamente» é o título desta peza, dirixida por José Campanari, na que os libros cobran o protagonismo que merecen.

O prezo da entrada é de 5€ e xa podes reservar enviando un correo a hipocritateatro@gmail.com

“O Conto de Barriga Verde”, sesión familiar matinal con Fran Rei o domingo 24

A Sala Hipócrita ofrece unha nova sesión matinal para público familiar o domingo día 24. Fran Rei presentará o espectáculo “O Conto de Barriga Verde”, escrito por Avelino González a partir de varias obras de Manuel María. O espectáculo pretende ser un achegamento á poesía, prosa e teatro do autor lucense.

Nesta sinxela historia, Fiz, un mozo labrego galego, terá que enfrontarse ao Serrador e ao Demo polo namoramento da sempre belida Moza. Coa axuda da maxia do seu padriño Barriga Verde, vello e neno ao mesmo tempo demostrarán que nada é máis forte que o amor verdadeiro.

A función será ás 12:30h e as entradas custan 5€ (poden reservarse enviando un correo-e a: hipocritateatro@gmail.com)

Marionetas Trécola abre a programación cultural do ano no Local Hipócrita

O Local Hipócrita abre a programación cultural do ano o día 27 de xaneiro, domingo, a cargo da compañía de teatro Marionetas Trécola que representará a obra “Tolitates”.

Tolitates” preséntanos a un elenco de personaxes con pouco siso que loitan polo protagonismo sobre as táboas dun teatro. A obra mestura teatro de obxectos, marionetas de fíos, bunraku e guiñol, manipulados por Isabel García e Ero Vázquez, baixo a dirección de Isabel Rey e Marcelino de Santiago “Kukas”.

A función, dirixida a público familiar, terá lugar as 12:30h e o prezo das entradas é de 5€.

Aquí vos deixamos un enlace ó vídeo promocional da obra:https://youtu.be/Abl_FIbbBU0

 

Aquí está a nosa programación para o 1º trimestre do ano!

Abrimos a programación cultural do ano o día 27 de xaneiro, domingo, a cargo da compañía  Marionetas Trécola que representará a obra “Tolitates”. para público familiar.

Continuamos o día 9 de febreiro coa 5º edición do “San Teatrín”, un show humorístico e transgresor co que cada ano celebramos por estas datas o amor ó teatro.

Carmen Conde con Laura Lamontagne estarán no Local Hipócrita o día 15 de marzo con “Tabú”, un show de narración oral con música en vivo.

O día 24 de marzo o Local acollerá unha nova sesión matinal para público familiar, esta vez a cargo de Fran Rei con seu espectáculo “O conto de Barrigaverde”.