Mes: noviembre 2022

O sábado 3 de decembro ás 20h, estreamos «Sombras nos ollos»!

«Sombras nos ollos»  é unha nova proposta na oferta de espectáculos teatrais de Hipócrita Teatro.

Trátase dunha adaptación da peza “Baile de Sombras” (calidoscopio nº4) do autor, actor e director galego Fran Godón.

«Sombras nos ollos» é unha historia dramática na que presente e pasado, mundo real e mundo sensorial se confunden, creando un espazo cheo de sombras do que os personaxes non poden saír.

A interpretación actoral, a iluminación e o ambiente sonoro son os principais elementos dunha posta en escena sinxela, que busca a emoción do público.

Fernanda Arrojo, Natalia Fernández e Marta Árias soben ó escenario baixo a dirección de Natalia Fernández.

Juan Rivas encargouse do deseño de luces e María García da dramaturxia e do ambiente sonoro.

A estrea terá lugar o sábado 3 de decembro ás 20:00 no Escenario Hipócrita.

As entradas, ó prezo de 5€, poden adquirirse no propio local.

O sábado 26, Disfunción Contínua pecha o Circuíto de Teatro FEGATEA no Escenario Hipócrita

A compañía de A Estrada, Disfunción Contínua porá en escena a súa peza Departamento de Selección o sábado 26, ás 20:00h no Escenario Hipócrita.

Esta é a cuarta e última función do Circuíto Galego de Teatro Amador 22  da FEGATEA que terá lugar no local de Hipócrita Teatro.

Departamento de selección presenta varios personaxes que aceptan participar nun xogo  cruel e perverso para acadar un posto de traballo. O cinismo, o egoísmo, a intolerancia e a falta de empatía vanse manifestando no seu comportamento a medida que o xogo avanza.

 

O público, xunto cos personaxes, debe decidir ata onde chega a verdade e onde comeza o truco.  O espectador poderá reflexionar sobre  o comportamento humano e  os valores da sociedade de mercado en que vivimos.   A obra, que alterna momentos máis divertidos con outros máis dramáticos, é unha crítica á deshumanización do mundo capitalista,  que nos convirte en enemigos e competidores, dispostos á loita máis salvaxe na que  todo vale.

No escenario dan vida ós personaxes María Porto, Clara Iglesias, Natalia Carbajal, Bea del Río e Rosa López baixo a dirección de Jouse García.

As entradas poden mercarse no mesmo local ó prezo de 3€.