Mes: marzo 2022

Ubú e Axóuxere galardonados nos HIPOPREMIOS 2020-2021!

Este ano, por fin, puidemos retomar a nosa emblemática Gala dos Hipopremios!

As historias contadas por Vero Rilo, «os personaxes marioneta» de Pínconús e a peza de teatro breve «A Faraona», da autoría de Carmen Conde, posta en escena por Teatro Hula encheron de humor esta VII edición da Gala. Un espectáculo  no que tamén houbo tempo para recordar o valor social do teatro como arte trimilenaria dende as palabras que Fernando Dacosta verteu no Manifesto polo Día Mundial do Teatro 2022.

O público do Local Hipócrita quixo que os Hipopremios 2020-21 foran para Ubú Teatro, na categoría de teatro infantil,  por » O vixilante dos soños», e para Axóuxere Teatro, na categoría de teatro para público adulto, por «Facendo as partixas».

O grupo lucense Ubú  actuara no Local Hipócrita dez días antes de decretarse o confinamento.

Compañías premiadas
Artista que actuaron na Gala

“Anacos”, de Carlos Rebolo, este sábado, 2 de abril, ás 20h no Local Hipócrita

O actor e narrador lucense Carlos Rebolo presentará mañá, sábado, “Anacos” no noso local.

Historias escoitadas, vividas ou simplemente construídas no imaxinario do cotiá son as que poderá escoitar o público que se achegue este sábado ás 20h á R/ Doutor Gasalla 18.

“Anacos” é un espectáculo unipersoal de narración oral co que Carlos Rebolo se estrea no “contar de viva voz” da man do seu mestre José Campanari.

As entradas poden adquirirse no propio local dende unha hora antes da función ó prezo de 8€.

Caleidoscopio, sábado 5, con Ana Carreira e Itziar Rekalde

Este sábado ás 20h Ana Carreira e Itziar Rekalde ofrecerán un espectáculo único de narración oral para adultos no Local Hipócrita.

Caleidoscopio (segredos a voces) dá nome a esta sesión de  “historias sobre realidades inestables, contos sobre xentes tan irreais coma nós mesmos… instantes de vida, radiografías da paisaxe cotiá na que nos desenvolvemos cada un de nós”.

Ana Carreira, narradora, dramaturga e actriz lucense compartirá escenario, nesta ocasión, coa tamén narradora, actriz e directora vasca Itziar Rekalde:

As entradas poden mercarse no propio Local dende unha hora antes da función, ó prezo de 8€.