Mes: noviembre 2019

13 de decembro: «Memorias dun ser humano disperso», un espectáculo cómico musical.

O 13 de decembro ás 21h o Local Hipócrita acollerá un espectáculo cómico musical de Producións Dispersas dirixido por José Campanari. “Memorias dun ser humano disperso (versión 7.0)” é un cabaré absurdo no que Diego Freire dá vida a un personaxe desubicado, disfuncional e un pouquiño esquizofrénico, que devece por escapar dun mundo que non comprende e no que non é comprendido a un lugar moi lonxano onde todo será diferente. Existirá tal paraíso?

FICHA ARTÍSTICA:

Foto: Áureo Gómez

Autor: Diego Freire

Dirección: José Campanari

Escenografía: Daniel D. Calet

Vestiario: Daniel D. Calet

Deseño de Son:  Diego Freire

Música: Ramón Feáns «Chiri»

Que di a crítica do espectáculo?

Afonso Becerra: «No palco, desde a proximidade apenas rota por unha curta liña de candilexas, Diego  Freire brinca coa esquizofrenia da actualidade nun monólogo ao que asoman o showman de cabaré, o clown triste, o perdedor, o bufón que lle canta as corenta á sociedade submisa, o tolo e o soñador»

Fernando Llorente:  «Diego Freire desenvolve un traballo no que un aparente estatismo corporal está cargado dunha riqueza de matices xestuais. O espectáculo presenta unha sutil unidade, un fío argumental, trenzado coas repeticións obsesivas, de palabra e xesto. A dirección de  José Campanari harmoniza o traballo do actor cunhas músicas amables e cunhas luces, nas que os fulgores altérnanse ou conviven coas sombras. Como na vida mesma.»

Xa podedes reservar as entradas (8€) no correo-e: hipocritateatro@gmail.com

FRAGMENTOS DA PEZA
https://www.youtube.com/watch?v=iI6sCODwCPM

 

“Delicadas”, de Rebuldeira Teatro, o sábado 23 no Local Hipócrita

Delicadas” unha peza do dramaturgo e director teatral Alfredo Sanzol, inspirada nas vivencias de mulleres que viviron a Guerra Civil e a postguerra,  será a próxima obra que se poida ver no Local Hipócrita (Doutor Gasalla 18). Será o vindeiro sábado, día 23 ás 20h a cargo do grupo de teatro sarrián Rebuldeira. Esta función forma parte da programación do Proxecto Buxiganga da Deputación Provincial.

As entradas teñen un prezo de 3€ e xa poden reservarse enviando un correo a hipocritateatro@gmail.com.

Pre – ESTREA MUNDIAL!!! PÍNCONÚS os días 16 e 17!!!

Tal como vos adiantamos hai algún tempo, os días de 16 e 17 deste mes o Local Hipócrita acollerá a Pre –ESTREA MUNDIAL!!  de “PÍNCONÚS”.

PÍNCONÚS”, da compañía do mesmo nome, promovida por Carlos Coira, é unha comedia musical para toda a familia.

Un día calquera, unha estación de tren, tres persoas que queren viaxar, unha taquilleira que vén e vai… Estación de orixe: Aquimesmo. Destino: Pínconús, ese lugar ó que todos queren ir pero moi poucos de atreven. Unha espera de absurdos encontros e desencontros mentres o tren está por chegar”.

Foto: La Cosa Gráfica

Ana Carreira, Carlos Coira, Carlos Rebolo e Marga Portomeñe forman o elenco. O texto e a dirección corren a cargo de José Campanari e a música de Piti Sanz.

Podedes reservar xa as vosas entradas (ó prezo de 5€) enviando un correo a:  hipocritateatro@gmail.com. Non olvidedes especificar a que función das 3 programadas queredes asistir:

1º Pre-ESTREA MUNDIAL!!: sábado 16 ás 18h

2º Pre-ESTREA MUNDIAL!!: domingo 17 ás 12:30h

3º Pre-ESTREA MUNDIAL!! domingo 17 ás 18h

Se queredes viaxar a Pínconús, agardámovos no andén da estación!  (R/ Doutor Gasalla 18 baixo dereita)