A V Edición dos Hipopremios, concedidos por Hipócrita Teatro, recoñeceu como espectáculos mellor valorados polo público do Local Hipócrita, entre todos os programados ó longo do ano 2018, ás compañías Matapiollos e El Retrete de Dorian Gray.
A entrega de premios tivo lugar durante o V Encontro de Artes Escénicas, celebrado o sábado, día 22 . Recolleron os premios en representación das súas compañías Carlos Coira e Marcos PTT, respectivamente, ambos actores lucenses.
Matapiollos recibiu o Hipopremio pola obra “A rebelión do monicreque”, un espectáculo para público familiar que despediu dos escenarios no Local Hipócrita no mes de febreiro. A compañía lucense levaba xa realizado máis de cen funcións do espectáculo por toda Galicia.
El Retrete de Dorian Gray presentara o espectáculo polo que foi premiado, “Retrete Cabarete”, por primeira vez en Lugo no mes de xuño, despois de percorrer con el máis de 12 países de 3 continentes con gran acollida entre o público.
Carmen Conde e Lola Fernández (do grupo Nostrum Cai Teatro-Danza), gañadoras dos Hipopremios 2017, fixeron entrega das «estatuiñas», deseño do artesán Pablo Mazoy.
O Local Hipócrita acolleu este sábado, día 22, ás 20h V Encontro de Artes Escénicas.
Este ano o Encontro contou coas actuacións de Swing Jazz Lugo, da monologuista Carmen Conde e da artista circense Ana Balmaceda, que xunto con varios actores e actrices de Hipócrita deron forma a un espectáculo de humor que xirou arredor das “pantasmas do pasado e do presente”.
Durante o Encontro fíxose entrega dos Hipopremios 2018.
Esta actividade conta co apoio da Deputación Provincial de Lugo
Este venres, día 21, ás 20:30h, a nova compañía lucense, Ítaca Teatro, puxo en escena “Cinco minutos sen respirar” no Local Hipócrita (R/ Doutor Gasalla 18), con aforo completo.
Foto de Juan Rivas
Elea López e Carlos Rebolo, baixo a dirección de Carlos Neira, póñense nesta obra na pel de Margarita, unha empregada de banca, e Víctor, un supervisor de supermercado, dous personaxes que albergan medos e anhelos a partes iguais. Trátase dunha proposta contemporánea que apela ás emocións e busca que sexa cada espectador quen constrúa a súa propia versión do que acontece en escena.
Sinopse
Nunha tenda por departamentos un empregado e unha clienta atópanse na sección de libros. El está a piques de rematar o seu día de traballo, ela está buscando unha escusa para non chegar á casa. Pero os dous, a esa hora e nese día, teñen unha certeza común: o desexo de que non os atopen.
O equipo artístico da peza está formado por Gustavo Ott (autor), Carlos Neira (dirección), Rubén Pérez Pombo (tradución e adaptación), Juan Rivas (iluminación, fotografía e son), David Alonso Garzón (música orixinal e espazo sonoro), Diego Valeiras (escenografía, vestiario e atrezzo), Rosalía Fernández Rial (voz en off), La Cosa Gráfica (deseño gráfico) e Elea López de Carlos Rebolo (elenco).
O Local Hipócrita pecha a súa programación cultural anual con tres espectáculos teatrais ben diferentes, que terán lugar nas dúas fins de semana do Nadal.
O día 21, a nova compañía lucense Ítaca Teatro (http://itacateatro.com) porá en escena a súa ópera prima, “Cinco minutos sen respirar”. Esta función forma parte do Programa Proscenio da Deputación Provincial.
O día 22, Hipócrita celebra o V Encontro de Artes Escénicas, que contará con tres artistas convidados, e que, como en anteriores edicións, será a gala na que se entreguen os Hipopremios.
O día 29, o Local acollerá a performance “Frío: somos inuits?” de Rubén Pérez Pombo, precedida dun obradoiro para maiores de 6 anos.