Etiqueta: teatro lugo

Frío: Somos inuits?, de Rubén Pérez Pombo, os día 3 e 4 de maio

Os días 3 e 4 de maio a Sala Hipócrita acollerá “Frío: Somos inuits?” unha proposta performativa de Rubén Pérez Pombo na que o artista lucense fala do mar, a migración e o movemento. Finalista no Certame MálagaCrea na categoría de performance e Mención Honorífica no I Concurso de Cortometrajes Fundación IPES – La Violencia Contra las Mujeres y/o los Derechos Humanos, “Frío:somos inuits?” foi seleccionada, ademais, para participar no Indian Cine Film Festival de Bombay e no festival “A Pantalla Abierta” que organiza a Universidade Autónoma do Estado de México, dentro da sección “Jóvenes Creadores”.

A actividade inclúe unha experiencia creativa,  “Xogando a ser inuits”, destinada a cativos entre 6 e 16 anos, que trata de explicar á rapazada, mediante xogos, ó problema da migración, para unha mellor comprensión da proposta performativa que se realizará a continuación, na que participarán activamente. Os cativos de 6 a 9 anos poderán inscribirse no obradoiro que terá lugar o venres día 3 de 18:30 a 19:30h, mentres que os maiores de 10 poderán facelo no do sábado, de 12:30 a 13:30h, enviando un correo-e a hipocritateatro@gmail.com. O prazo de inscrición está aberto e remata o 2 de maio.

Para o público en xeral realizaranse dous pases da proposta performativa: o venres ás 19:30h e o sábado ás 13:30h.

O obradoiro ten un prezo de 7€ e a entrada para a proposta performativa custa 3€.

Cal é a mellor maneira de rematar a Semana do Libro cos máis cativos?

Vindo este domingo (28 de abril) ás  12:30h á Sala Hipócrita! 

Alí estarán Carlos Coira, un lector curioso e un pouco pesado,   e o señor Basilio, un amable e sabio bibliotecario. Ambos xogarán coas palabras, coas historias e cos libros que chegan á biblioteca do señor Basilio. Hai libros de ficción, de divulgación, con debuxos… ; cos do señor Basilio  Carlos pode soñar, xogar, aprender…

“Basilicamente” é o título desta peza, dirixida por José Campanari, na que os libros cobran o protagonismo que merecen.

O prezo da entrada é de 5€ e xa podes reservar enviando un correo a hipocritateatro@gmail.com

Este sábado, día 6, ás 20.30 abrimos as portas de “Hotel Desencanto”

“Hotel Desencanto” non é o mellor lugar para vivir situacións idílicas, algo que os seus “clientes” parecen ignorar. Función tras función, repiten a experiencia… Ata cando? 

Unha peza de teatro contemporáneo dirixida por Carlos Rebolo que mestura comedia, drama e suspense. 

 

 

 

 

O equipo artístico e técnico está formado por: Natalia Fernández, Xesús Pereira, Teo García, Lili Costoya, Iván Redondo, Inés Agromartín, María García, Carlos Rebolo, Ángeles Muries, Juan Rivas e Julio Seijas.

Máis info en:http://hipocritateatro.org/hotel-desencanto/

Agardámoste en R/ Doutor Gasalla 18!

Prezo da entrada: 5€. (obra non recomendada para menores de 12 anos)

 

“O Conto de Barriga Verde”, sesión familiar matinal con Fran Rei o domingo 24

A Sala Hipócrita ofrece unha nova sesión matinal para público familiar o domingo día 24. Fran Rei presentará o espectáculo “O Conto de Barriga Verde”, escrito por Avelino González a partir de varias obras de Manuel María. O espectáculo pretende ser un achegamento á poesía, prosa e teatro do autor lucense.

Nesta sinxela historia, Fiz, un mozo labrego galego, terá que enfrontarse ao Serrador e ao Demo polo namoramento da sempre belida Moza. Coa axuda da maxia do seu padriño Barriga Verde, vello e neno ao mesmo tempo demostrarán que nada é máis forte que o amor verdadeiro.

A función será ás 12:30h e as entradas custan 5€ (poden reservarse enviando un correo-e a: hipocritateatro@gmail.com)

O 15 de marzo descubriremos, con Carmen Conde, por que “somos fillas do tabú”

Carmen Conde presenta o seu novo espectáculo “Tabú” na Sala Hipócrita o 15 de marzo, un show de narración oral con música ó vivo interpretada por Laura LaMontagne que dará comezo ás 21h.

 “Tabú” é froito das conversas mantidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude.

Foto: Neves Seara

“Tabú” nace para transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade (a máis cruel e a máis desexada) das mulleres que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o que somos agora nós: fillas do Tabú. Un tendal para poñer ó clareo todas as intimidades.

As entradas, que teñen un prezo de 8€, poden reservarse enviando un correo-e a: hipocritateatro@gmail.com.

En febreiro regresa San Teatrín!

O sábado 9 de febreiro regresa “San Teatrín” ó Local Hipócrita para celebrar, un ano máis, o amor ó teatro.

Esta cuarta entrega de “San Teatrín” promete ser un espectáculo irreverente e descarado,  un show controvertido, no que o inocente e candoroso protagonista, Cupido, buscará desesperadamente o xeito de acollerse á xubilación anticipada. Lograrao?

Agardámosvos este sábado ás 20h en Doutor Gasalla 18!

Prezo da entrada: 5€.

Marionetas Trécola abre a programación cultural do ano no Local Hipócrita

O Local Hipócrita abre a programación cultural do ano o día 27 de xaneiro, domingo, a cargo da compañía de teatro Marionetas Trécola que representará a obra “Tolitates”.

Tolitates” preséntanos a un elenco de personaxes con pouco siso que loitan polo protagonismo sobre as táboas dun teatro. A obra mestura teatro de obxectos, marionetas de fíos, bunraku e guiñol, manipulados por Isabel García e Ero Vázquez, baixo a dirección de Isabel Rey e Marcelino de Santiago “Kukas”.

A función, dirixida a público familiar, terá lugar as 12:30h e o prezo das entradas é de 5€.

Aquí vos deixamos un enlace ó vídeo promocional da obra:https://youtu.be/Abl_FIbbBU0

 

Aquí está a nosa programación para o 1º trimestre do ano!

Abrimos a programación cultural do ano o día 27 de xaneiro, domingo, a cargo da compañía  Marionetas Trécola que representará a obra “Tolitates”. para público familiar.

Continuamos o día 9 de febreiro coa 5º edición do “San Teatrín”, un show humorístico e transgresor co que cada ano celebramos por estas datas o amor ó teatro.

Carmen Conde con Laura Lamontagne estarán no Local Hipócrita o día 15 de marzo con “Tabú”, un show de narración oral con música en vivo.

O día 24 de marzo o Local acollerá unha nova sesión matinal para público familiar, esta vez a cargo de Fran Rei con seu espectáculo “O conto de Barrigaverde”.

Aprazada a performance “Frío: somos inuits?” prevista para o sábado 29

A performance  “Frío: somos inuits?” de Rubén Pérez Pombo, prevista para o día 29, suspéndese por motivos persoais do artista.

Hipócrita Teatro anunciará, nas vindeiras semanas, a programación cultural do primeiro semestre do ano 19, na que se fixa nova data para esta función.

“Matapiollos” e “El Retrete de Dorian Gray” gañadores dos Hipopremios 2018

A V Edición dos Hipopremios, concedidos por Hipócrita Teatro, recoñeceu como espectáculos mellor valorados polo público do Local Hipócrita, entre todos os programados ó longo do ano 2018,  ás compañías Matapiollos e El Retrete de Dorian Gray.

A entrega de premios tivo lugar durante o V Encontro de Artes Escénicas, celebrado o sábado, día 22 . Recolleron os premios en representación das súas compañías Carlos Coira e Marcos PTT, respectivamente, ambos actores lucenses.

Matapiollos recibiu o Hipopremio pola obra “A rebelión do monicreque”, un espectáculo para público familiar que despediu dos escenarios no Local Hipócrita no mes de febreiro.  A compañía lucense levaba xa realizado máis de cen funcións do espectáculo por toda Galicia.

El Retrete de Dorian Gray presentara o espectáculo polo que foi premiado, “Retrete Cabarete”, por primeira vez en Lugo no mes de xuño, despois de percorrer con el máis de 12 países de 3 continentes con gran acollida entre o público.

Carmen Conde e Lola Fernández (do grupo Nostrum Cai Teatro-Danza), gañadoras dos Hipopremios 2017, fixeron entrega das “estatuiñas”, deseño do artesán Pablo Mazoy.