Etiqueta: marionetas Lugo

Estrea en Lugo de “O vixilante dos soños” de Ubú Teatro, os días 7 e 8 de marzo

A compañía lucense Ubú Teatro, promovida pola narradora, actriz e dramaturga Ana Carreira, presenta a súa última montaxe “O vixilante dos soños” no Local Hipócrita.

Están programadas dúas funcións, para o día 7 (sábado) ás 18:30h e o día 8 (domingo) ás 12

“O vixilante dos soños” é a versión teatral do libro de narrativa infantil do mesmo nome, escrito por Ana Carreira e ilustrado por Noemí López, publicado pola editorial Galaxia. Unha peza enfocada ó público familiar que trata temas como o valor do diferente e a importancia de sentirse arroupados polo entorno máis próximo. O protagonista, Sonolicus, deberá enfrontarse á propia certeza de ser diferente sen renunciar ó logro dos seus obxectivos.

Ana Carreira e Marga Portomeñe defenden en escena esta proposta teatral, dirixida por José Campanari, coa que veñen de percorrer varias localidades galega.

O custe da entrada é 5€ e xa se pode reservar en hipocritateatro@gmail.com

Cal é a mellor maneira de rematar a Semana do Libro cos máis cativos?

Vindo este domingo (28 de abril) ás  12:30h á Sala Hipócrita! 

Alí estarán Carlos Coira, un lector curioso e un pouco pesado,   e o señor Basilio, un amable e sabio bibliotecario. Ambos xogarán coas palabras, coas historias e cos libros que chegan á biblioteca do señor Basilio. Hai libros de ficción, de divulgación, con debuxos… ; cos do señor Basilio  Carlos pode soñar, xogar, aprender…

«Basilicamente» é o título desta peza, dirixida por José Campanari, na que os libros cobran o protagonismo que merecen.

O prezo da entrada é de 5€ e xa podes reservar enviando un correo a hipocritateatro@gmail.com

“O Conto de Barriga Verde”, sesión familiar matinal con Fran Rei o domingo 24

A Sala Hipócrita ofrece unha nova sesión matinal para público familiar o domingo día 24. Fran Rei presentará o espectáculo “O Conto de Barriga Verde”, escrito por Avelino González a partir de varias obras de Manuel María. O espectáculo pretende ser un achegamento á poesía, prosa e teatro do autor lucense.

Nesta sinxela historia, Fiz, un mozo labrego galego, terá que enfrontarse ao Serrador e ao Demo polo namoramento da sempre belida Moza. Coa axuda da maxia do seu padriño Barriga Verde, vello e neno ao mesmo tempo demostrarán que nada é máis forte que o amor verdadeiro.

A función será ás 12:30h e as entradas custan 5€ (poden reservarse enviando un correo-e a: hipocritateatro@gmail.com)

Marionetas Trécola abre a programación cultural do ano no Local Hipócrita

O Local Hipócrita abre a programación cultural do ano o día 27 de xaneiro, domingo, a cargo da compañía de teatro Marionetas Trécola que representará a obra “Tolitates”.

Tolitates” preséntanos a un elenco de personaxes con pouco siso que loitan polo protagonismo sobre as táboas dun teatro. A obra mestura teatro de obxectos, marionetas de fíos, bunraku e guiñol, manipulados por Isabel García e Ero Vázquez, baixo a dirección de Isabel Rey e Marcelino de Santiago “Kukas”.

A función, dirixida a público familiar, terá lugar as 12:30h e o prezo das entradas é de 5€.

Aquí vos deixamos un enlace ó vídeo promocional da obra:https://youtu.be/Abl_FIbbBU0

 

Aquí está a nosa programación para o 1º trimestre do ano!

Abrimos a programación cultural do ano o día 27 de xaneiro, domingo, a cargo da compañía  Marionetas Trécola que representará a obra “Tolitates”. para público familiar.

Continuamos o día 9 de febreiro coa 5º edición do “San Teatrín”, un show humorístico e transgresor co que cada ano celebramos por estas datas o amor ó teatro.

Carmen Conde con Laura Lamontagne estarán no Local Hipócrita o día 15 de marzo con “Tabú”, un show de narración oral con música en vivo.

O día 24 de marzo o Local acollerá unha nova sesión matinal para público familiar, esta vez a cargo de Fran Rei con seu espectáculo “O conto de Barrigaverde”.