A compañía de A Estrada, Disfunción Contínua porá en escena a súa peza Departamento de Selección o sábado 26, ás 20:00h no Escenario Hipócrita.

Esta é a cuarta e última función do Circuíto Galego de Teatro Amador 22  da FEGATEA que terá lugar no local de Hipócrita Teatro.

Departamento de selección presenta varios personaxes que aceptan participar nun xogo  cruel e perverso para acadar un posto de traballo. O cinismo, o egoísmo, a intolerancia e a falta de empatía vanse manifestando no seu comportamento a medida que o xogo avanza.

 

O público, xunto cos personaxes, debe decidir ata onde chega a verdade e onde comeza o truco.  O espectador poderá reflexionar sobre  o comportamento humano e  os valores da sociedade de mercado en que vivimos.   A obra, que alterna momentos máis divertidos con outros máis dramáticos, é unha crítica á deshumanización do mundo capitalista,  que nos convirte en enemigos e competidores, dispostos á loita máis salvaxe na que  todo vale.

No escenario dan vida ós personaxes María Porto, Clara Iglesias, Natalia Carbajal, Bea del Río e Rosa López baixo a dirección de Jouse García.

As entradas poden mercarse no mesmo local ó prezo de 3€.