A V Edición dos Hipopremios, concedidos por Hipócrita Teatro, recoñeceu como espectáculos mellor valorados polo público do Local Hipócrita, entre todos os programados ó longo do ano 2018, ás compañías Matapiollos e El Retrete de Dorian Gray.
A entrega de premios tivo lugar durante o V Encontro de Artes Escénicas, celebrado o sábado, día 22 . Recolleron os premios en representación das súas compañías Carlos Coira e Marcos PTT, respectivamente, ambos actores lucenses.
Matapiollos recibiu o Hipopremio pola obra “A rebelión do monicreque”, un espectáculo para público familiar que despediu dos escenarios no Local Hipócrita no mes de febreiro. A compañía lucense levaba xa realizado máis de cen funcións do espectáculo por toda Galicia.
El Retrete de Dorian Gray presentara o espectáculo polo que foi premiado, “Retrete Cabarete”, por primeira vez en Lugo no mes de xuño, despois de percorrer con el máis de 12 países de 3 continentes con gran acollida entre o público.
Carmen Conde e Lola Fernández (do grupo Nostrum Cai Teatro-Danza), gañadoras dos Hipopremios 2017, fixeron entrega das «estatuiñas», deseño do artesán Pablo Mazoy.
Comentarios recientes