Logo dun par de meses de descanso, este sábado retomamos a programación cultural co Circuíto Galego de Teatro Amador que promove a Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) co apoio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
En total serán 4 obras as que poderemos ver entre esta fin de semana e a seguinte.
O sábado 15, ás 20h, Axóuxere Teatro, de Oleiros, porá en escena a peza “A Rúa do Inferno”, unha comedia para público adulto.
“A rúa do inferno” é a adaptación ao galego da obra “La calle del infierno” do dramaturgo Antonio Onetti (Sevilla, 1962).Chámaselle así, na Feria de Sevilla, á zona de lecer onde están as atraccións de todo tipo: noria, coches de choque, casa dos espellos, tren da bruxa, etc. Na obra, a tres mulleres traballadoras dun supermercado preséntaselles a oportunidade de participar nun concurso de sevillanas e gañar 6000 euros. Só poden bailar dúas. Elas son… tres. Suponse que son amigas, pero ante o conflito, sairán as súas
auténticas personalidades…
O domingo, sesión matinal para público familiar ás 12:30h, co espectáculo de sombras titulado “Alén” da compañía Paso de Valverde.
“Alén” é un espectáculo de sombras que integra diferentes técnicas, dende a manipulación de bonecos articulados ata a videoproxección. “Alén” conta as aventuras que vive Chuquiño, un rapaz galego que decide marchar á procura do seu tío explorador, en países lonxanos e culturas moi diferentes á súa.
O Circuíto continuará os días 22 e 23 con “Menestra de testosterona” de Hipócrita Teatro, o sábado ás 20h, e “Misterios” de O Aturuxo de Melpómene, o domingo ás 12:30h.
Todas as funcións terán lugar no Local Hipócrita, R/ Doutor Gasalla 18 baixo.
Prezo da entrada: 3€.
Comentarios recientes