Autor: hipocritateatro

Caleidoscopio, sábado 5, con Ana Carreira e Itziar Rekalde

Este sábado ás 20h Ana Carreira e Itziar Rekalde ofrecerán un espectáculo único de narración oral para adultos no Local Hipócrita.

Caleidoscopio (segredos a voces) dá nome a esta sesión de  “historias sobre realidades inestables, contos sobre xentes tan irreais coma nós mesmos… instantes de vida, radiografías da paisaxe cotiá na que nos desenvolvemos cada un de nós”.

Ana Carreira, narradora, dramaturga e actriz lucense compartirá escenario, nesta ocasión, coa tamén narradora, actriz e directora vasca Itziar Rekalde:

As entradas poden mercarse no propio Local dende unha hora antes da función, ó prezo de 8€.

Señor López pecha a programación cultural deste ano o sábado 18

O sábado 18, ás 19h, o Escenario Hipócrita acollerá a última función do 2021.  A compañía Señor López Producións Teatrais  porá en escena A viaxe do Señor López, un espectáculo para público familiar cheo de sorpresas e guiños optimistas, para rematar o ano cun sorriso.

Rubén Pérez Pombo protagoniza o espectáculo e dá vida ó Sr. López, un adulto triste e solitario que emprende unha viaxe que o cambia todo, mesmo a súa maneria de vivir.

A función forma parte do Circuíto de Teatro Profesional 2021 organizado pola Deputación Provincial de Lugo.

A ENTRADA  é de balde e cóllese no local dende 1h antes da función. Tamén pode reservarse enviando un correo a hipocritateatro@gmail.com indicando nome e un número de tlfno.

.Para saber máis:

O señor López é unha persoa solitaria, triste e gris. Un día calquera acontécelle unha desas cousas solitarias, tristes e grises tan característica do mundo dos adultos e a partir dese momento todo cambia. Monta unha compañía de teatro. Aprende a contar chistes. Fala idiomas inventados. Viaxa nunha balsa por un mundo cheo de cores e alegría. O señor López convértese nun paxaroinuit. Producións Señor López estréase con esta montaxe que achegará un sorriso ao público familiar.

Proposta artística: Rubén Pérez Pombo.

Vídeo: Javier Padilla.

Produción e deseño: Elena Centelles.

Técnico de son: Brian Rodríguez

O sábado, 20 de novembro,»Historias pequenas…» co Grupo de Teatro da Biblioteca de Antas

«Historias pequenas de xente que non lle importa a ninguén» é un novo espectáculo do Grupo de Teatro da Biblioteca de Antas de Ulla e chega ó Local Hipócrita o sábado 20  ás 19h, dentro do Ciclo Táboas Cheas de Emoción da Deputación Provincial.

Trátase dunha peza dirixida por Ana Carreira que reúne varias escenas independentes protagonizadas por personaxes anónimos que atravesan momentos de dificultade: unha mendiga que reclama, unha moza que pide traballo, un neno que atopa unha estrela, unha moza con ollo de cristal, unha moza que come o presente de orquídeas que lle regalan, un barbeiro que axuda a desaparecer, un domador que perde o seu león, un robot que non entende aos humanos e un asasino asasinado.

As entradas son de balde ata completar a capacidade e poden collerse no propio local dende unha hora antes da función.

 

As funcións adiadas de Atrezo e Hipócrita Teatro serán o 2 e 3 de outubro.

O sábado, 2 de outubro, ás 19h terá lugar a actuación do grupo Atrezo Teatro. A compañía viguesa traerá a Lugo outras pezas do seu repertorio para substituír a obra «Que familia!», que tivo que ser cancelada o pasado sábado por problemas persoais dun membro do elenco. Atrezo poñerá en escea tres pezas breves, dirixidas por Chelo Pampillón,  protagonizadas por mulleres na procura dun futuro mellor ou na loita por deixar atrás o pasado.

RESERVAR ENTRADA PARA ATREZO TEATRO

 

O domingo, 3 de outubro, á mesma hora, será Hipócrita Teatro quen suba o seu escenario para a estrea da súa nova obra «Casting», que tamén tivo que ser adiada por problemas de saúde dunha das actrices.  «Casting» é unha parodia dos estereotipos femininos no cine de Hollywood, dirixida por Elea López e protagonizada por María García, Marta Arias e Natalia Fernandez, con Juan Rivas no papel de productor e ós mandos da técnica.

 

RESERVAR ENTRADA PARA HIPÓCRITA TEATRO

Estas son as dúas últimas funcións do Circuíto Galego de Teatro Amador 2021, promovido pola FEGATEA, que se celebran no Local Hipócrita.

RESERVA ENTRADA PARA O CIRCUÍTO AMADOR (do 18 ó 26 de setembro)

A piques de rematar o verán, volve a programación cultural ó Local Hipócrita con 4 funcións para público adulto do Circuíto Galego de Teatro Amador 2021 promovido pola FEGATEA co apoio da Consellería de Cultura.

Trátase de 4 pezas de teatro para público adulto que exploran códigos e xéneros ben distintos, dende o drama á parodia pasando pola comedia. Todas as funcións terán lugar ás 19h e o prezo da entrada é de 3€.

O grupo pontevedrés Porta Aberta abrirá o Circuíto coa obra GET BACK, unha peza de teatro contemporáneo da autoría de Diego Ameixeiras, o sábado 18 . En Get Back veremos como unha parada temporal do metro pode converterse nunha viaxe ao pasado das personaxes. Unha mirada no seu interior a situacións que desexan cambiar pero non o conseguían. Unha obra tremendamente actual para entreterse, escoitar, desfrutar e recoñecerse nunha das cinco vidas que se atopan no mesmo vagón da vida.

RESERVAR ENTRADA PARA GET BACK

 

Axóuxere Teatro, de Oleiros, porá en escena a peza «Facendo as partixas» o domingo 19 . Nos anos 80, dúas irmás reencóntranse despois de vinte anos para repartir a herdanza. A pesares das diferenzas, os remorsos e as pantasmas, descubrirán que teñen mais cousas en común das que crían.

RESERVAR ENTRADA PARA FACENDO AS PARTIXAS

 

 

 

 

O grupo Atrezo, de O Porriño, presentará o sábado 25 Que familia! Unha peza escrita e dirixida por Chelo Pampillón que aborda o papel dos maiores na familia e plantéxanos un dilema moral: «hai xente que resulta prescindible na sociedade na que vivimos?»

 A FUNCIÓN DE ATREZO TIVO QUE ADIARSE por cuestións persoais dun membro do elenco. ANUNCIARASE NOVA DATA

 A FUNCIÓN DE HIPÓCRITA TEATRO ADÍASE por problemas de saúde dunha das actrices. ANUNCIARASE NOVA DATA

Hipócrita Teatro pechará o Circuíto  coa estrea da obra Casting, unha parodia dos estereotipos femininos no cine de Hollywood

 

RESERVA ENTRADA para «Cinco minutos sen respirar» os días 23 e 24

O venres 23 e o sábado 24, ás 20h, teremos de novo a Ítaca Teatro no Local Hipócrita (R/ Doutor Gasalla 18, baixo) con «Cinco minutos sen respirar«.
Trátase dunha adaptación da obra homónima do dramaturgo contemporáneo Gustavo Ott, que afonda na necesidade humana de imaxinar ficcións para fuxir da realidade.
“Cinco minutos sen respirar”, fala da vida, dos abusos bancarios, do amor, da explotación laboral, do suicidio, da familia, da violencia… e de tantas outras cousas, que non da tempo a resumilas en cinco minutos.
Protagonizada por Carlos Rebolo e Elea López e dirixida por Carlos Neira,  é unha proposta baseada no traballo de interpretación e cunha dirección escénica que incide nos delirios e nas dualidades propias do mundo de hoxe.

MÁIS INFORMACIÓN

As entradas poden reservarse nos seguintes enlaces (a reserva será válida ata media hora antes do espectáculo) ou ben adquirirse no mesmo local dende unha hora antes do comezo do mesmo.

Prezo das entradas: billetería inversa.

Preme onde corresponda:

RESERVO ENTRADA PARA O VENRES 23 ÁS 20H

RESERVO ENTRADA PARA O SÁBADO 24 ÁS 20H

RESERVA ENTRADA para «Quereres» de Federico García Lorca os días 12 e 13

Os días 12 e 13 ás 19:00h, Alma Selene e David Taboada presentan “Quereres” no Local Hipócrita (Doutro Gasalla 18 baixo). Trátase dun espectáculo teatral, poético musical para público adulto baseado en textos de García Lorca.

“Quereres” é a particular forma de entender a Federico de Alma Selene e David Taboada, que neste espectáculo indagan na poesía, na música e no teatro do autor granadino, pero sen deixar de lado o aspecto humano que fai del un artista especial.

“Quereres” soa a nana, a verdade, a caravel, a rosa… a loita interior, a canción popular, a poemas desgarrados, a silencios rotos, a amor e desamor, a morte… pero sobre todo a vida, na voz e na música destes dous intérpretes lucenses.

As entradas teñen un prezo de 8€ e poden adquirirse no mesmo local dende 1 hora antes do comezo do espectáculo ou ben reservarse nos seguintes enlaces (a reserva será válida ata media hora antes do espectáculo).

Preme onde corresponda:

RESERVA DE ENTRADA PARA O VENRES 12

RESERVA DE ENTRADA PARA O SÁBADO 13

En xaneiro, Narración Oral! Reserva a túa entrada para o día 23

Comezamos o ano con forza e ilusión, co ánimo de seguir alimentando a alma e a mente a base de consumir cultura, pero iso si, con todas as medidas anti-Covid recomendadas, porque ambas cousas son posibles e necesarias.

A Programación Cultural de Nadal da Deputación provincial ofrécenos a oportunidade de gozar de dous espectáculos de Narración Oral para público xuvenil e adulto no Local Hipócrita. As entradas serán de balde e cómpre reservalas nos enlaces indicados.

QUERO RESERVAR ENTRADA para «Costureiras»

O día 23, ´sabado, ás 19:00h  Ángeles Goás e Felipe Díaz (Caxoto) de TARABELA CREATIVA, levarannos de viaxe ó mundo das “Costureiras”, e alí,  puntada e puntada, coserán un espectáculo a partires de retais de vida. Un diálogo entre dous narradores da palabra contada e o público onde os contos se preguntan e responden a si mesmos.

O día 8, venres, ás 21:00h, entramos da man de BÁTEGA no «Mundo de Martiña», unha nena moi curiosa que se cuestiona todo aquilo que non entende. A través dun monólogo musicado e entretecido con cancións e diálogos, escrito e dirixido por Raquel López Cendán, vimos a Martiña medrar. Vímola afrontar a regra, a paixón adolescente, a autoridade paterna ou o duro  mundo laboral. Vímola sortear obstáculos e sacar conclusións.

No escenario,  Pedro Insua e Raquel López Cendán. Na técnica, José Antonio Salvador.

SONY DSC

 

 

Nova Escena pechará este domingo o Circuíto Amador no Local Hipócrita

O grupo lucense Nova Escena actuará este domingo, día 6, ás 19h no Local Hipócrita coa obra “As fillas de Eva”.

“As fillas de Eva” reflexiona sobre o papel da muller nos conflitos armados.

Eva loita por soster a casa e ás fillas nun país asolado por unha longa guerra. Para ela o futuro repousa no seu único fillo varón. Pero a chegada do seu marido desestabilizará o feble equilibrio do seu mundo.  

Hugo Álvarez,  María Márquez, Ricardo Méndez, María Botana, Rocío Polín, Chelo Trinidad, Elena García, Marcos Codesal, Randi Estrago e Jaime Rodríguez dan vida ós personaxes deste drama escrito por X. Carlos Laxe e dirixido por María Márquez.

Esta función forma parte da programación do Circuíto Galego de Teatro Amador 2020, promovido pola FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) co apoio da Consellería de Cultura, que trouxo ó Local Hipócrita outras tres pezas teatrais no mes de setembro.

As entradas, a billeteira inversa,  deberán reservarse enviando un correo-e ó enderezo da asociación (hipocritateatro@gmail.com) no que se indique número de asistentes co nome completo e un nº de teléfono de contacto.