Mes: diciembre 2018

Aprazada a performance “Frío: somos inuits?” prevista para o sábado 29

A performance  “Frío: somos inuits?” de Rubén Pérez Pombo, prevista para o día 29, suspéndese por motivos persoais do artista.

Hipócrita Teatro anunciará, nas vindeiras semanas, a programación cultural do primeiro semestre do ano 19, na que se fixa nova data para esta función.

“Matapiollos” e “El Retrete de Dorian Gray” gañadores dos Hipopremios 2018

A V Edición dos Hipopremios, concedidos por Hipócrita Teatro, recoñeceu como espectáculos mellor valorados polo público do Local Hipócrita, entre todos os programados ó longo do ano 2018,  ás compañías Matapiollos e El Retrete de Dorian Gray.

A entrega de premios tivo lugar durante o V Encontro de Artes Escénicas, celebrado o sábado, día 22 . Recolleron os premios en representación das súas compañías Carlos Coira e Marcos PTT, respectivamente, ambos actores lucenses.

Matapiollos recibiu o Hipopremio pola obra “A rebelión do monicreque”, un espectáculo para público familiar que despediu dos escenarios no Local Hipócrita no mes de febreiro.  A compañía lucense levaba xa realizado máis de cen funcións do espectáculo por toda Galicia.

El Retrete de Dorian Gray presentara o espectáculo polo que foi premiado, “Retrete Cabarete”, por primeira vez en Lugo no mes de xuño, despois de percorrer con el máis de 12 países de 3 continentes con gran acollida entre o público.

Carmen Conde e Lola Fernández (do grupo Nostrum Cai Teatro-Danza), gañadoras dos Hipopremios 2017, fixeron entrega das “estatuiñas”, deseño do artesán Pablo Mazoy. 

V Encontro de Artes Escénicas

O Local Hipócrita acolleu este sábado, día 22, ás 20h V Encontro de Artes Escénicas. 

Este ano o Encontro contou coas actuacións de Swing Jazz  Lugo, da monologuista Carmen Conde e da artista circense Ana Balmaceda, que xunto con varios actores e actrices de Hipócrita deron forma a un espectáculo de humor que xirou arredor das “pantasmas do pasado e do presente”.

Durante o Encontro  fíxose entrega dos Hipopremios 2018.

Esta actividade conta co apoio da Deputación Provincial de Lugo

 

Ítaca Teatro presenta “Cinco minutos sen respirar” con aforo completo

Este venres, día 21,  ás 20:30h, a nova compañía lucense, Ítaca Teatro, puxo en escena “Cinco minutos sen respirar” no Local Hipócrita (R/ Doutor Gasalla 18), con aforo completo.

Foto de Juan Rivas

Elea López e Carlos Rebolo, baixo a dirección de Carlos Neira, póñense nesta obra na pel de Margarita, unha empregada de banca, e Víctor, un supervisor de supermercado, dous personaxes que albergan medos e anhelos a partes iguais. Trátase dunha proposta contemporánea que apela ás emocións e busca que sexa cada espectador quen constrúa a súa propia versión do que acontece en escena.

Sinopse

Nunha tenda por departamentos un empregado e unha clienta atópanse na sección de libros. El está a piques de rematar o seu día de traballo, ela está buscando unha escusa para non chegar á casa. Pero os dous, a esa hora e nese día, teñen unha certeza común: o desexo de que non os atopen.

O equipo artístico da peza está formado por Gustavo Ott (autor), Carlos Neira (dirección), Rubén Pérez Pombo (tradución e adaptación), Juan Rivas (iluminación, fotografía e son), David Alonso Garzón (música orixinal e espazo sonoro), Diego Valeiras (escenografía, vestiario e atrezzo), Rosalía Fernández Rial (voz en off), La Cosa Gráfica (deseño gráfico) e Elea López de Carlos Rebolo (elenco).

Adianto da programación de Nadal

O Local Hipócrita pecha a súa programación cultural anual con tres espectáculos teatrais ben diferentes, que terán lugar nas dúas fins de semana do Nadal.

O día 21, a nova compañía lucense Ítaca Teatro (http://itacateatro.comporá en escena a súa ópera prima, “Cinco minutos sen respirar”. Esta función forma parte do Programa Proscenio da Deputación Provincial.

O día 22, Hipócrita celebra o V Encontro de Artes Escénicas, que contará con tres artistas convidados, e que, como en anteriores edicións, será a gala na que se entreguen os Hipopremios.

O día 29, o Local acollerá a performance “Frío: somos inuits?” de Rubén Pérez Pombo, precedida dun obradoiro para maiores de 6 anos.